martes, 13 de octubre de 2009

Chica con problemas busca lugar discreto donde cortarse las venas



É puro cinismo, pero que queredes, hoxe preciso un pouco de obscenidade aínda que só sexa a través dunha ristra de palabras mal cosidas. Que frío fai en Heidelberg. Que outono escuro no que o sol aparece e desaparece entre a néboa e as chuvieiras. Que soidade impar (se fose par, xa non sería soidade).

Estando así, comigo mesma, sempre consciente de habita-lo meu corpo, acabo por sentirme fóra de lugar ... dentro de min significa ausentarme e querer facerme pequena e de peto. Pensade que case non falo durante o día, acabo por esquecer como soa a miña voz, e cando falo con Lo cústame tempo lembrar de novo como se constrúen as palabras, como se enfían as frases unhas con outras para ofrecer simplemente un sentido, un "estado de plena consciencia".

E cando falo, non son eu, senón unha sombra de min que me oculta, porque este é o poder do exilio do corazón.

E a cereixa do desánimo é esta: teño que mudar de piso, para fortuna da miña némesis Inseguridade Crónica, que se entretén facéndome contestar en alemán ós anuncios de aluguer, sabendo que na fala perdo os papeis e, máis que articular, grallo coma un corvo posuído.

Animádeme cun pouco de retranca, convertide en arte as miñas desgracias descafeinadas, que vós sabedes como transformar a chicoria en ouro.

sábado, 3 de octubre de 2009

Deutscher Alptraum



Gracias, moitas gracias a tod@s polas felicitacións, non sei se ese título cum laude me servirá para sentirme menos incapaz e impreparada nos meses (e quizais anos) por vir, pero, que carallo!, alo menos tentarei regocixarme no resultado ata que me caia enriba un novísimo desasosego implacablemente realista.

Hai dúas horas que cheguei a Heidelberg, ceo claro e aire fresco. Hoxe é festivo e o pobo está case valdeiro de tráfico e xente. Daría gusto que tódo-los días fosen así.

A miña bici está sana e salva. Non se inundou o baño nin explotou a nevera nin quedou defunto o meu vello ordeador na miña ausencia. Isto é bo.

O luns torno ó departamento. Isto xa me fai sentir un pouco hum e bastante argh, pero teño tanto traballo atrasado do que facerme cargo, que non creo que a parvoeira me dure moito.

En breve, novas novas pra vostedes.