jueves, 24 de septiembre de 2009

PRINCIPESSA CUM LAUDE ON THE RUN



O domingo, un regreso a Roma bastante accidentado. O luns, habituarse ó airo escuro que se enquista nesta parte do mundo; tocar coa punta do pé ás frías augas do traballo que me espera en Deutschland Deutschland. O martes, limpeza a fondo con película de postre. O mércores, tentativo de semi-integración social con amigos. O xoves, loita coa administración, compra de libros e triple mortal cara atrás para preparar maleta, viaxe e ánima.

Cantas cousas me gardo para min, involuntariamente e contra todo pronóstico. Como o feito de que me doutorei, por fin. Cum laude por unanimidade, ou iso foi o que dixo o director do tribunal. Finito questo capitolo della storia, amici miei (pero a novela continúa con outras inesperadas aventuras). As vacacións en Acciaroli, terra incivilizada, cunha morea de libros arredor, o mar sempre presente, varios de choiva e tormenta, e un cacharro de Nutella a man.

Pero, sobre todo, gardei para min todas as mensaxes e os comentarios que vos escribín mentalmente.

Pato, habituaraste a esa cidade nova, estou segura. O mundo non é bo nen é malo, simplemente non ten conciencia e, porriba, non precisa de nós para sobrevivir. Esquécete do mundo, dese gran queixo cheo de buracos, de fisuras, de covachas e cavernas, e pensa en ti, porque ti es a medida do mundo e non ó contrario.

Cousas, non perderei a oportunidade de visitar a mostra de Maruja Mallo (xa che mandarei un sms para ver se podemos tomar un cafeciño en Vigo). Nin a oportunidade de lerte e reflexionar ó son que marcas. E descansa, oíches?

Thomas, déboche un e-mail longo coma un día sen pan (ou dous). E unha visita a Salamanca. E un día de vagueo en Pontevedra. E unha sorpresa no buzón.

Amigo de Ted, temos pendente ese post sobre enfermidades / lugares fantamitocosmogónicos / etcs innominados e inexistentes. Escríbeme a batcaver_blog@yahoo.es cando queiras. By the way, estades tod@s invitad@s a unha sesión de brainstorming para contruir absurdas (e, por tanto, xeniais) definicións patolóxicas, cosmolóxicas, empáticas e crípticas.

Llosef, cando regrese a Alemaña recibirás psicofonías, apariciós e soños premonitorios da miña parte.

Mike, por onde andas??

Pecho aquí a lista de "criaturas marabillosas" por motivos de pedrochosquismo incipiente, pero penso en vós e sigo, como unha sombra amiga, as vosas aventuras, ideas, dúbidas, aturuxos e maldicións.

Ata dentro de pouco.

miércoles, 2 de septiembre de 2009

LIBROS RAROS

Lo e máis eu somos coleccionistas bibliófilos nada escrupulosos. Recoñecémonos como cazadores de ofertas, furgamos no refugallo dos volumes amoreados baixo o cartel de 1-3 euros (ou esterlinas, cando batemos as librerías do antigo imperio británico). Válenos case todo, novelas (dos clásicos ó terror pasando por tódo-los términos intermedios imaxinables), estudios históricos da prehistoria ó século XX, arqueoloxía, antropoloxía, arte, técnica ...

Pero hai unha pequena parte desa colección que existe gracias a Lo. É a sección dos libros ... simplemente absurdos e absolutamente marabillosos. Preséntovos en exclusiva algúns dos nosos preciosísimos libros raros.

Flushed with Pride: The Story of Thomas Crapper (Wallace Reyburn)



Esta é a biografía do señor Crapper, o inglés ó que lle debemos o perfeccionamento dos mecanismos de funcionamento dos WC. Investigou e experimentou durante o século XIX para mellorar o sistema de evacuación nese sagrado espacio privado que é o baño. Pensade que, gracias ós seus inventos, o risco de voar polos aires mentres se estaba sentado na taza (é o que ten a acumulación excesiva de metano) desapareceu.

The Thackery T. Lambshead Pocket Guide to Eccentric and Discredited Diseases (presuntamente escrito polo propio doutor T. T. Lambshead)



Antes deste libro, eu descoñecía a existencia de afeccións como a enfermidade de San Calamaro, na que os ósos se disolven progresivamente ata que o enfermo se converte nunha masa informe similar a un cefalópodo; ou o síndrome do órgano balístico, polo que, inesperadamente, se disparan os órganos do corpo a toda velocidade. Aínda que o volume se atribúa ó doutor Lambshead, en realidade detrás das súas páxinas acumúlase a autoría de 60 creadores (incluindo a Alan Moore e Gaiman).

Eu proporía que, entre tod@s, se fixese un experimento similar, describindo animais exóticos en lugar de enfermedades. Ou un catálogo de pobos extintos. Ou o que queirades.

I libri più assurdi del mondo (Brian Lake)



Este é o último que incorporamos á nosa (polo momento) modesta colección de libros raros. É a traducción italiana de Bizarre Books, e entre os moitos exemplos de xenio que se elencan, figuran volumes como American Bottom Archaeology (non, non analiza a arqueoloxía dos cus americanos, máis ben o autor quería expresar "arqueoloxía americana de fondo"), Queer Doings in the Navy (o autor usa queer no senso de "excéntrico", pero a broma fácil resulta inevitable, non si?), Cocktugs. A Short History of the Liverpool Screw Towing Company (Pato, creo que apreciarás este título), ou The Meaning of the Unintelligibility in Modern Art (XD). Inclúe, ademais, nomes de autores anglófilos que se prestan a xogos intelectuais máis ben malévolos, portadas "curiosas" e un anecdotario vario de información certamente divertida.

Quedan para outra ocasión What's Your Poison?, How to Fossilise Your Hamster, Catalogo d'oggetti introvabili ... e deixei fóra, claro está, os libros que non merecen incluirse na nosa subsección de libros raros, guías a cemiterios, historias sobre circos ambulantes, gabinetes de curiosidades, criminoloxía ou análisis histórico-sociolóxicos sobre o medo a ser enterrado vivo. Estes libros, si, son curiosos, todos eles, interesantes, pero teñen algo (hai que admitilo) de afectado e cultureta, son minibiblias de apóstolo underground.

Para hoxe, só auténtico trash de calidade.