domingo, 14 de junio de 2009

THE ART OF SIPPING BAILEYS FROM A SHOE



Se na última entrada que me atrevín a escribir irradiaba (coma o motor dun tractor vello) un certo optimismo, na de hoxe deixo as emanacións positivas nas mans de quen sabe como darlles forma e contido. A miña semana mantívose no punto medio dese baremo que é a mediocridade dispersa e insípida, a miúdo de consecuencias máis devastadoras que a propia infortuna. Teño un problema para desconectar do traballo, e sei que non me esforzo por invertir esta tendencia de banais tentativos de estudio cando non teño ganas nin azos nin forzas... coa inevitable consecuencia de perde-lo tempo sen ter resolto nada.

Coñecedes a Old Gregg? A Vince Noir e Howard Moon? Algunha vez comprástedes algún agasallo na Nabootique? Cruzástedes o espello para visitar a Mr. Susan? Invocástedes o espírito do destructivo diaño Nannatoo, avoíña de poderes maléficos? Coreástedes "I did a shit on your mum"? Provástedes a facer "crimping"? Non? Pois xa vai sendo hora...










Ai, se non fose por The Mighty Boosh...

martes, 2 de junio de 2009

IN THE MOOD FOR



Visto que case sempre vos agasallo con entradas pesimistas, grises, onde só falo de choiva e de infernos xermánicos, por que non escribir por unha vez sobre algo en positivo? Tan positivo como este prato de fresas, sutilmente tocadas por un orballo lixeiro de vinagre balsámico, que estou degustando nestes intres.

Tan positivo como "Arcano trece" de Pilar Pedraza (lembraredes que foi recomendación do día de Pato hai algún tempo), libro que me autorregalei a semana pasada, despois de deposita-la tese... vivaz, áxil, tebroso.

Tan positivo coma a tormenta de ideas que me baila nos miolos.

Tan positiva coma a chamada de Lo dende Arxentina onte pola noite.

Tan positiva como a clase impartida polo meu xefe á que, como alumna, tiven que asistir, e da que saín moderadamente airosa.

Tan positiva coma a constelación de amig@s que me iluminan o camiño, que me fan levadeira a existencia, que me axudan a tirar do carro, ou que me quentan as orellas cando erro o camiño, que confían en min para compartir o bo, para sobreleva-lo malo.

Tan positiva coma unha vida que se expande, chea de variables, de imprevistos e baixíos, de mares bravos, soños inquedos e discurrir apacible.