sábado, 28 de marzo de 2009

SÍ, VOY A SER MAMÁ

voy a tener un bebé,
para jugar con él, para explotarlo bien...



Non, non entrei nese estado que chaman de boa esperanza. Estas liñas marcan o comezo da canción "Voy a ser mamá" da efímera formación Almodóvar & McNamara. Lembro que un día lle comentamos á nosa caseira (e amiga) Oriana que o seu aclamadísimo Almodóvar (ou "Almodovár", como o pronuncian en Italia) adoitaba levar taconazo, malla axustada e ollo pintado nos 80... e non quixo crelo. Oscarizado e elevado ás alturas do "cine de autor", resultáballe inverosímil o seu pasado de vedette urbana que paseaba polos escearios o seu repertorio de "Moquito a moco", "Satanasa" e "Monja jamón".

A isto chámaselle "alternativismo rancio".

Pero non é Almodóvar quen me interesa, senón a que foi parella artística... Fabio Mcnamara!!! Rubio alto e finísimo coma un bimbio, ultraceñido con tacóns de vértigo e traxe de luces, ou glitterqueersuperpunk como en "Laberinto de pasiones"... que overdose!



Eu descubrino tarde, a través do disco "Rockstation" (e nunca lle agradecerei o suficiente a Álvaro o terme grabado unha copia), pero dende esa iluminación, lévoo a todas partes. McNamara en Barcelona, en Roma, en Heidelberg! "A tutti plein" e "Mariclones", este último con Sarassas Music viñeron a corroborar os efectos terapéuticos das súas cancións.

Ademais, Lo aprendeu parte do seu español gracias a el

"eso no es bueno, esas perlas son falsas"

ou

"soy Bree Van de Kamp. Mi marido ha desaparecido en Sotogrande. Avisen a las autoridades"

ou

"soy Drácula y estoy operada, bienvenidos a mi morada".

Non son frases utilitarias para usar tódolos días, pero pódente sacar dun apuro... sempre que sexas Bree Van de Kamp ou traballes nun negocio de empeños!!

Por que este post? Pois porque McNamara ten novo disco, grabado cos Glitter Klinik de Luis Miguélez (Alaska y Dinarama, Metálicos, Glamour to Kill...), gran evento, considerando que edita un plástico cada 2 olimpíadas. Escoitei tres cancións deste "Bye bye supersonic": o single promocional "Celebritis", "España is diferent" (reproduzo ortograficamente os títulos, que conste) e a miña favorita da tríada, "El gran Caracán" (era era una mera quimera que será qué será de Quimera Caracán tachún tachán).

Cando escoito as súas cancións e coreo as súas letras (porque é un acto reflexo imposible de refrear), toda a chuvia e a soidade de Heidelberg deixan de importarme.

martes, 24 de marzo de 2009

MAGIC, MADAM, IS LIKE WINE...

... and, if you are not used to it, it will make you drunk."



Merquei Jonathan Strange and Mr. Norrel na Oxfam Bookshop de Bloomsbury incitada por Lo. "Secondo me questo libro ti piace". E vabbè. Nese día de cifra incerta nun típico verán ventoso e húmido londinense, ano 2007, incluín o volume na pila dos libros elixidos. E podo asegurarvos que neses 5 días que pasamos na metrópole, os libros afortunados que volveron con nós a Roma foron moitos.

Lo acertou de cheo. O libro gustoume. A revitalización da maxia na Inglaterra de principios do XIX, co fungón de Mr. Norrell como artífice, e Jonathan Strange como gran promulgador e propagandista. Viaxes ó mundo feérico a través dos espellos. Tentativos de frear o avance europeo do exército napoleónico con conxuros e feitizos. John Uskglass alias the Raven King, o rey mago de Inglaterra e de Fairyland, longamente esquecido, que retorna poderoso entre nubes de corvos negros coma a noite.

Fantasía. Flema inglesa. Entretimento.

A autora, Susanna Clarke, publicou un segundo libro, The Ladies of Grace Adieu and Other Stories, recopilando os seus contos publicados en revistas e en volumes colectivos. Libro que rematei de ler hai un par de días. Casualidades da vida: atopeino novo por unha cuarta parte do seu prezo nunha librería de Heidelberg, Jokers, "Wo kluge Leute Bücher Kaufen!. Que alto concepto teñen os alemáns de si mesmos polo mero feito de comprar onde é máis barato!

En fin, retornando ó tema: The Ladies of Grace Adieu é máis liviano que Jonathan Strange and Mr. Norrel; a ambientación, idéntica; as ilustracións que o acompañan, marabillosas. Si, si, mozos e mozas, ilustracións de Charles Vess. De feito, Clarke incluiu a historia "Stopp't-Clock Yard" en The Sandman: Book of Dreams. Gaiman, Vess, Clarke... todo conflúe no mesmo punto.

Lectura recomendada para tempo chuvioso, con Furias e Ventos rondando fóra da fiestra, cabo do mar ou no corazón das montañas.

viernes, 13 de marzo de 2009

GÓTICO AMERICANO



Imaxino que son unha das poucas persoas no mundo que non atesoura nin un só disco dalgúns dos seus grupos máis adorados. Este é, singularmente, o meu caso. Algunhas grabacións quedaron en antigos enderezos, ou prisioneiras en ordeadores alleos na etérea forma de mp3; outras eran propiedade de amigos ou compañeiros de piso; mesmo están aquelas que, sendo copias de seu pero amadas coma se fosen orixinais, morreron para o mundo dixital e, no seu corpo circular e compacto, levaron á tumba as cancións amadas.

E deste xeito a memoria humana, traicioneira, fai por esquencer aqueles amantes (musicais) do pasado. De aí este "gótico americano" bautizado como 16 Horsepower.

Non me lembro con precisión de como ou cando os coñecín. Foi en Barcelona, moi probablemente ó ano de terme mudado á grande urbe. E estou case segura de que Javi tiña unha copia pirata de Low State. É todo o que consigo lembrar. Aparte da súa música...

16 Horsepower son (eran) escuros, violíns, mandolinas, guitarras eléctricas, distorsión, concertina, e por suposto, banjo. Letras arraigadas nun cristianismo primitivo, cru, decimonónico, colonial e febril, moi gótico, si, moi americano. Pecado, castigo, sufrimento, e redención. Admirado David Eugene Edwards.

Para vós este gótico americano que cai en venres 13.

domingo, 8 de marzo de 2009

PÉROLAS DE SABEDORÍA



"The whole of life is but a twinkling of the eye.
Wathever he possesses a man does not really possess.
Death is the real owner of property".

Mentres traballaba no artigo que me encargaron sobre as parteiras en Mesopotamia, cruceime con esta cita no volume de R. Gender and Aging in Mesopotamia: The Gilgamesh Epic and Other Ancient Literature. Pasaxes deste tipo non son infrecuentes na literatura sumerioacadia, máis ben ó contrario, pero ese día, quen sabe por que, o peso da mensaxe prendeume no corazón e tirou del cara abaixo, como querendo afogalo.

Hai 4000 anos, estes escribas puñan por escrito as verdades da vida cotiá. En linguas e escrituras distintas das nosas, falaban da tristura e da soidade, da vida fuxidía, do desexo sexual, do infortunio e do carpe diem, da natureza do home, do seu destino. Din que "mal de moitos, consolo de parvos", pero axúdame saber que non somos nen mellores nen peores do que outros, eles, os nosos antergos, foron. Que o que sentimos xa o sentiron outros. Que esas soidades e eses medos informes que non sabemos recoñecer nin poñerlles nome, en realidade son vellos coma o mundo. Que non nos queda nada que descubrir como especie, aínda que si como individuos. Recoñecendo as nosas miserias, iguais en intensidade se non en contido e forma ás miserias dos que nos precederon, podo marcar un punto de partida para mellorar "nel mio piccolo" aquilo que me rodea, que me está preto, que son eu e o meu mundo.

Porque como foron, somos, e como somos, serán.

domingo, 1 de marzo de 2009

ONDE SE COCE O SABER



O título deste post é totalmente irónico, pero non así a imaxe que o acompaña: esta é verídica. Ecco qua o lugar preciso no que traballo, a fiestra que me separa do mundo exterior (aínda que non existe ningunha que me salvagarde do ecosistema que subsiste no interior do edificio), a disposición do todo en conxunto pouco harmónico, e os restos da presencia das miñas compañeiras de espacio.

Hoxe nada creativo nin metafórico: só pura realidade física.