lunes, 16 de febrero de 2009

HEROES DOS DÍAS ANÓNIMOS



Quixen adicarvos unha entrada no día de San Valentino, pero non o conseguín: impediumo unha mañá de librerías e unha tarde-noite de reposteira (dúas tartas de queixo, unha de cenoura e laranxa, e unha bandexa infinita de caracolas de pasas e canela). Tampouco puiden facelo onte, entre chamadas, limpeza dominical, e reunión de amigos italianos.

Por iso o fago hoxe, neste luns anónimo. Mellor así. Porque @s amig@s sodes os protagonistas absolutos dos días anónimos, deses días aparentemente iguais ós anteriores e ós sucesivos nos que nada cambia... ata que aparecedes, vestindo un sorriso ou unha gabardina beige, co pelo solto ou curto ou lungo, axustándovos as gafas, pedindo un café, invitándome a tabaco, facendo un comentario sobre o libro que estou lendo, presentándovos... heroes dos días sen dedicatoria que cambiastes a miña vida para sempre.

Penso en vós a miúdo, en como eramos entón, en como somos agora, en mil e unha cousas que a lingua non sabe expresar, nas conversas que tivemos e que obviamos, nos paseos, nas copas, nos cines compartidos. Na presencia constante, mesmo cando nos separan países enteiros. No desexo de proximidade.

Oxalá eu saiba ser tan boa amiga como tod@s vós o sodes para min.

domingo, 8 de febrero de 2009

3(0) TRISTES TIGRES



Pois xa chegou o día, queridiños e queridiñas: hoxe, domingo 8 de febreiro, cumpro 30 anos.

En Heidelberg chove, griggio ovunque, o campus semella un enorme campo de concentración camuflado, o País das Marabillas de Murakami. Nas últimas semanas non fixen máis que traballar, ler e cansarme esaxeradamente, con pausas para comer e durmir. De aí o meu silencio neste blog, pero intúo que non durará. "Non?" "NON!".

Agora que teño 30 anos (aínda que xa o sentía con 29), podo dicir que me sinto moito mellor que cando padecía os efectos secundarios da tardoadolescencia con 20. Síntome ben ma miña vida seminómada, sigo padecendo daqueles medos básicos do pasado (pavor a falar en público, inseguridade crónica, etc), pero os outros, os medos elaborados, os terrores-máquinas-de-guerra que queiman a terra por onde pasan, quedaron atrás, desmontados no trasteiro.

En fin, pois porque hoxe é o meu cumpreanos, porque é domingo e os domingos adoitan resultar fatídicos para o ánimo de calquera, porque decidístedes pasar por este recuncho a botar un ollo, e porque si, propóñovos un test... sobre min! En realidade, sobre nós!

Espero que me perdoedes este súbito afán de protagonismo: é o efecto 30!


1) Querid@ íncubo/súcubo, preséntate e describe a túa relación coa Princesa (amigo, enemigo, némesis, compañeiro de celda, etc etc)

2) Cando, como e onde coñeceches á Princesa?

3) Hai algo que te sorprenda (en positivo ou negativo) da Princesa?

4) Que odias da Princesa?

5) Que amas da Princesa?

Un "se fose" con respostas razonablemente razonadas. Se a Princesa fose...

6) un personaxe de novela, cal sería?

7) se fose unha supermala de ficción?

8) se fose unha enfermidade?

9) se fose un obxecto en venta nas ferreterías?

10) se fose un icono (nulo ou semi)casposo dos 70-80?

11) se fose unha obra de arte (non vale responder "estaría exposta nun museo")?

12) se fose un invento?

13) Por último, deséxalle algo á Princesa neste día no que cumpre 3 décadas.