martes, 27 de enero de 2009

NA NOITE REBAÑOS DE CORVOS



Para ir ó traballo sempre fago o mesmo percorrido a pé. Deixo atrás o campus, cheo de hospitais, clínicas e centros de investigación do cancro; cruzo a estrada e baixo ata a beira do río, e seguindo o cauce das augas voume achegando ó centro da cidade, aquel que aparece en tódalas postais, co castelo ó fondo, e as montañas, e o Karl-Theodor-Brücke. En Neckarstaden sempre atallo indo polo interior dun centro comercial que desemboca en Haupstrasse, onde está, xustamente, o meu cubículo.

Pois ben, no centro comercial a esas horas da mañá atopo sempre as mesmas persoas: preto da porta pola que entro, un home xa anciano nunha cadeira de rodas que lee o xornal e que sempre me dá as costas; xunto a porta pola que saio, outro home, tamén anciano, igualmente en cadeira de rodas, inmóvil.

E eles pensarán, se é que se decatan de min, que eu son sempre a mesma, sempre coa mochila de colexiala, sempre atravesando o centro comercial sen pararme nos escaparates, sen pedir ningún café para levar.

Un mundo sen sorpresas, cheo de rebaños de corvos que berran sobre o Neckar cando saio da casa polas mañás e cando volto case anoitecendo.

viernes, 16 de enero de 2009

PERDIDA NA NEVE



Na neve, e na néboa, mesta coma un fume que consumise a cidade, cun lume xeado e cortante penetrando no río e escorrendo entre as ponlas núas e tremantes, árbores coma escuros esqueletes cos pés afondados na branca branquísima neve...

Perdida.

Perdida na burocracia e na súa linguaxe incomprensible.

Co cansancio metido dentro, afondo no sono e nos soños.

Cústame poñerlle nome a cada cousa nesta pequena cidade. Porque aquí eu falo diferente. Seguramente tamén penso diferente.

Bótovos en falta, meus queridos, miñas queridas. Tentarei chegar onde estedes a través da mesta néboa que escapa do río para metérseme nos ollos claros.

jueves, 8 de enero de 2009

SCHNEE

Vista da Praza da Universidade hai unha chea de anos


Agora vivo baixo cero, na neve que cubre sutilmente estradas, beirarrúas, coches, tellados, bosques. Teño a pel seca polo frío, e cada vez que saio fóra só se me ven os ollos húmidos aló no fondo, entre as enrugas da bufanda e o gorro afundido sobre as cellas.

Heidelberg en inverno lémbrame as paisaxes dunha película que aínda non vin, "Let the right one in", xeada e algo impersoal, habitada por persoas que semellan zombificadas, quen sabe se polo frío ou polo peso da propia cultura teutónica. Ás veces teño a sensación de que acabarán descubríndome, apuntándome directamente co brazo estirado e delatándome cun chío metálico como Donald Sutherland en "La invasión de los ultracuerpos". Que que descubrirán? Pois que a miña preparación para o posto de traballo tal e como eles o conciben é bastante deficitaria, pero visto que son a heroína desta particular historia, farei o posible para que tal desenlace non suceda. Endexamáis.

Por certo, hoxe presentáronme o meu escritorio (aka lugar concreto e físico onde desenvolverei o meu traballo), branco metálico no medio dunha das salas da biblioteca, fronte a unha enorme fiestra que dá á Universitätsplatz (mellor acostumarse canto antes á maneira local de chamarlle ás cousas). Luns será o meu primeiro día de contacto directo con esta que será a miña nova realidade.

A todos e todas que tivestes unha (ou centos!) de palabras de agarimo e ánimo para min nesta nova andadura, gracias!

viernes, 2 de enero de 2009

O FUTURO ESTÁ AQUÍ

O 2009 será o ano no que cumprirei os meus 30 anos, no que mudarei de país para comezar cun novo traballo, será o ano no que defenda a miña tese de doutorado, no que deixe de poñer unha X na casela "solteira". O ano 2009, se ben xa está aquí noviño do trinque, aínda "ha de ser" en estricto futuro e non en inmediato presente.

O 2008, sen embargo, xa pasou, esmoreceu e morreu, co seu renqueante camiñar foise afundindo na súa propia sombra ata desaparecer. O 2008 foi para min:

- o ano da eternización da tese de doutorado, gracias a algúns erros de cálculo, a ambición e a disciplina equívoca tanto do meu querido-odiado profesor como meus propios, así como ó cambio da dirección no instituto de historia e os conseguintes absurdos cambios no proceso avaliatorio etc



- un ano de viaxes: Galicia, Barcelona, Palermo, Rodas, Londres, Heidelberg. Ningunha de puro e estricto pracer

- o ano de Murakami, La fine del mondo e il paese delle meraviglie, Norwegian Wood (Tokyo Blues), L'uccello che girava le viti del mondo, La ragazza dello sputnik, e mercados pero non lidos, Dance dance dance e Kafka en la orilla (gracias, Pato!!)



- o ano da compra e recepción desbocada de libros de todo tipo: asirioloxía, historia medieval, antropoloxía, novelas góticas, historia da mediciña e da ciencia (aimé! Lo conseguiu unha copia da Historia plantarum de Teofrasto!!), literatura inglesa, gramáticas, volumes de lingüística, quilos e quilos de bosques ordeados por materia, apretados nas estanterías minguadas



- o ano da liberación, a victoria sobre vellos caducos fantasmas, o ano da coraxe e da carraxe

- o ano de Historias para no dormir

- o ano no que Lo loitou e venceu

- o ano da princesa anacoreta

- un ano de ríos de té e tormentas de café diario

Bye bye, 2008. Non ci rivedremo mai più.