sábado, 9 de mayo de 2009

DE PROFESIÓN, PICAPEDREIRO

Como primeiro punto do día, quería agradecervos os comentarios que deixastes na última entrada deste blog (aka "VERSIÓN, CONVERSIÓN, AVERSIÓN"). Teñen sido días duros, e as vosas ocurrencias, ademais de facerme rir a cachón, alixeiraron o seu peso.

Peso, si, porque hoxe falarei de pedras, e non só desas lousas metafóricas que sirven para ilustrar os impedimentos cotiás, senón de pedrolos, de cantos, de rochas, de seixos. A fin de semana pasada sentinme entre picapedreiro e experta en "chiribiritas" (La Hora Chanante, lembrádesvos?), así son de perniciosas e malfadadas as consecuencias deste traballo meu. Explícome.

Cando se trata de publicitar a asirioloxía e as súas marabillas sen par, as tablillas cuneiformes e obxectos inscritos en xeral que se utilizan para a ocasión adoitan ser pezas ben conservadas, cunha escritura limpa, e se conteñen algunha peza literaria, mellor que mellor.



Algúns dos textos cos que tiven que traballar (con fotografías, moitas veces borrosas) responden a outra categoría: a dos anacos amorfos, decididamente feos, que eu chamo simplemente "pedras" ou "pedruscos" en base á súa apariencia pouco estilizada. Ás veces son enxamios angulosos de farangullas terrosas; outras, superficies corroídas de escritura evanescente nas que se percibe unha cuña aquí e outra acolá. E outra cousa: como os meus textos (permitídeme a confianza: despois de 4 anos xa forman parte da familia) respostan ó xénero escolar (si, querid@s, son os deberes dos rapaces nipuritas do 1800 antes da era común), ás veces non hai quen entenda os garabatos aqueles.

Pero eu amo os meus cachiños de pasado, as miñas chiribiritas, o reto que supoñen, a desesperación que tan a cotío me producen. As miñas pedras, que serviron para a aprendizaxe dos escribas do pasado, continúan exercendo a súa función didáctica: tamén a min me ensinan.

PS. O venres pasado púxenlle o punto e final á tese. Se todo vai ben, dentro dunha semana farei o correspondente depósito do traballo, e só me quedará esperar que aproben a súa lectura e me digan o día da defensa. O traballo mostra e demostra debilidades varias, pero, en fin, non credes que poderei enmendalas nun futuro próximo?

1 comentario:

Thomas dijo...

Ayer leí un relato de Arthur Machen, "El sello negro", en el que precisamente se hablaba y no poco de escritura cuneiforme, y me acordé de ti.

Felicidades por ese punto final y, ¿Enmendar debilidades? Vas a arrasar, Princesa. Dales con todo.