martes, 15 de abril de 2008


EL ÚTERO, ESE ANIMAL MISTERIOSO

Preparando un traballo sobre os exvotos anatómicos, dei, por casualidade, cunha referencia que xa coñecía para a mediciña hipocrática, pero que ignoraba existise nas tradicións de mediciña popular. Practicamente, o útero tíñase por un órgano similar a unha besta ou animal salvaxe que rabuñaba e trababa á muller cos seus movementos. Nalgunhas rexións alpinas atopáronse exvotos que representan ó útero coa forma dun sapo... e isto sorprendeume porque, aínda que se contan con moitos exemplares de úteros de terracotta nos templos etruscos e romanos, ningún ten a forma de becho algún.
Xa saberedes que o término "histeria" procede etimoloxicamente do grego "hystera", útero, e que se cría producida polos movementos do útero dentro do corpo da muller.
"E nas mulleres o útero, dito así, e a vulva, sendo per estas mesmas razóns animal ávido de ter fillos, cando permanece ermo máis alá da estación, sopórtase con molestias e adolórase. E vagando por todo o corpo e polas vías do espírito, afogando e non deixando respirar, móvese con crudelísima angoxa, producindo todo tipo de enfermidades" (Platón, Timeo XLIV).
No corpus hipocrático, especialmente no libro "Natureza da muller", descríbense as patoloxías e os tratamentos para curar as consecuencias destes movementos uterinos. Un útero que se move cara ó peito oprime os pulmóns e causa dificultades respiratorias. Un útero que descende demasiado remata por producir calambres nas pernas.
En fin, que un útero insatisfeito tolea e fai que as mulleres, no peor sentido, perdan a razón. Un sambenito histórico que continúa a ser aplicado hoxe en día: só as mulleres padecen de histerismo.
¿Opinións?

martes, 8 de abril de 2008

FELLINIANA


Hai semanas que me veñen á cabeza historias e pequenos acontecementos para compartir con vós, pero non consigo poñelos en palabras. Cando os escribo imaxinariamente, todos os meus blogs resultan fascinantes e marabillosos, pero cando me sento diante do ordeador (coma hoxe), iso mesmo que pensaba contarvos semella unha banalidade absoluta.
Por iso, hoxe vai ser Fellini quen se encargue de contarvos contos antes de irdes para á cama. ¿Por que Fellini? Pois porque nestes últimos días levo visto algunhas das súas películas, e sempre me queda a sensación de que merecen un segundo visionado... e porque unha das miñas películas favoritas, "Le notti di Cabiria", foi dirixida por Fellini... e tamén porque si e porque tamén e porque creo que vos pode facer rir e chorar e sentir profundamente unha morea de sentimentos.
Espero que teñades un pouco de tempo para lle botar un ollo ós vídeos (son todos en italiano, os que puiden atopar no sacrosanto You Tube).

'Amarcord': a miña primeira experiencia felliniana ou "como afogar nas tetas da estanqueira"



'8 1/2': cardeais, amantes, recordos, balnearios e naves espaciais, unha longametraxe que conta a historia dun director de cine que pretende condensar nunha película a confusión reinante na súa vida, etc



'La dolce vita': seguramente, o film máis internacional e mellor coñecido de Fellini. Roma nunca foi máis glamorousa que nesta película... lástima que Anita Ekberg, despois do famosísimo baño na Fontana di Trevi, remata no hotel cunha boa labazada, e o pobre Mastroianni, tirado na rúa con dous puñetazos no estómago.



'La Strada': preséntovos a unha das miñas actrices favoritas, Giuletta Masina. Este vídeo é un "corta e pega" de distintas esceas da película.



E last but not least, 'Le notti di Cabiria', favorita de favoritas, outra vez con Giuletta Masina, no papel dunha prostituta con moi mala sorte. Aproveitado para bailar o mambo.