jueves, 31 de enero de 2008

“Nuestras vidas son los ríos...”

“que van a dar en la mar”, seguirían os versos de Jorge Manrique.

Sen embargo, este río do que falo aquí é ben distinto. O Aniene, que hai centurias marcaba o límite entre do territorio dos dos sabinos, pásame diante dos ollos cada día. A través da miña fiestra véxoo correr negro e revolto, afundido no seu propio cauce máis ben escaso, non se sabe ben cara a onde.


Seguindo a silueta dos seus meandros ó longo da pista ciclista que o bordea, descúbrese unha daquelas paisaxes chamadas urbanas, propias da periferia (esa periferia situada no límite dos mapas para turistas), con cans vagabundos, lixo, grafittis abigarrados que se superpoñen entre sí, as vías do tren en altura respecto ó camiño que bordea o río.


E coma unha pequena urbanización dun luxo dubidoso, xorden no medio dos canavais barracas con xardín delimitadas por balados de chapa, plástico e vellos somiers enferruxados, incluindo hortas nas que crecen berzas, tomates, pementos. Nalgunhas aínda escintilan os abalorios colorados do Nadal, pendurados das ramas sintéticas da esquecida árbore. Construccións tan preto do río que case semellan Ofelias desesperadas a piques de se botar ó río para afogar.

Destas choupanas hai xente que fixo o seu fogar sobre un leito de auga suxa. E o Aniene, que non se para a observar as vidas que lle están a carón, que viaxan con el, sigue o seu camiño non se sabe cara a onde.

miércoles, 16 de enero de 2008

Parole parole parole...

Eu traballo coas palabras, estúdioas, tradúzoas, ás veces tócame destripalas, buscarlle os significados ocultos. Pero a miúdo me esquezo de que as palabras están relacionadas con cousas concretas, tanxibles, reais, que se poden sopesar nas mans, ou recoñecer a primeira vista.

Porque hoxe as palabras están por todas partes, impresas nos folletos de publicidade e nos xornais gratuitos que dan á entrada do metro ou na parada de bus...
pronunciadas ou directamente cuspidas nos programas de televisión, onde son usadas as máis das veces como armas dun inxeño mediocre...
aparecen neste momento na pantalla do meu ordeador...
e son usadas para facerme crer que este ou aquel producto é todo o que necesito na vida.

Pero, ademais, as palabras chegan a sustituir totalmente ós actos. Cantas veces as promesas cumpriron a función da acción "vera e propria". "Prométoche que isto non se repetirá", por exemplo... tod@s temos os nosos exemplos persoais que discorren nun río interminable e confuso entre as palabras ditas e as palabras escoitadas.

Houbo un tempo na que a palabra tiña unha gran poder, actuaba como garantía da propia persoa, podía atraer desgracias sobre a propia cabeza ou sobre a daqueles ós que se lle desexaba un mal, era amada e temida, cultivada e apresada en libros de inmensa forza. Pero agora, ¿que nos queda da palabra?

Pois xustamente iso, palabras, palabras, palabras...

Mina e Alberto Lupo, aquí: http://it.youtube.com/watch?v=Ez3733enZ0Q